Etiquetas

viernes, 30 de marzo de 2012

Mañá é o aniversario da Ponte Taboada!

E nada menos que 1.100 anos cumpre a ponte que uníu Deza de Trasdeza e que une aínda Lalín de Silleda, segundo unha inscrición que fica nunha peneda nunha das súas marxes (na de Silleda por certo).
Con tal motivo mañá os Concellos de Silleda e Lalín así coma os veciños de Taboada e Prado faran un acto solemne de conmemoración de tan sinaldada data.
Porque hai poucos monumentos que cumpran 1.100 anos... é nós temos un!

A nosa ponte milenaira (e algo máis)



NORMAS QUE REGULAN A PARTICIPACIÓN NAS ELECCIÓNS DOS MEMBROS DOS CONSELLOS PARROQUIAIS


O Consello Parroquial é o representante da parroquia, en tal condición, terán o carácter de autoridade no cumprimento dos seus cometidos.

Artigo 1.- Tal e como se recolle no Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Silleda, publicado no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra o luns 12 de decembro de 2011, cada Consello Parroquial estará composto por :

Presidente: un/unha veciño/a da parroquia.

Vicepresidente, que actuará así mesmo como Secretario: un/unha veciño/a da parroquia.

Vogais: ata un máximo de cinco veciñas ou veciños da parroquia, amais de representantes das entidades de participación cidadá legalmente constituídas, inscritas no Rexistro Municipal, que teñan como único ámbito de actuación a parroquia.

Os membros do Consello Parroquial serán elixidos pola Asemblea Parroquial, constituída por todos os veciños e veciñas da parroquia maiores de 18 anos, incluídos no censo municipal. O candidato con maior número de votos será Presidente, o segundo vicepresidente e os sucesivos vogais.
En caso de incapacidade, renuncia ou falecemento, os cargos serán substituídos por aquelas persoas que ocupasen a suplencia,no caso de que non houbese suplentes, o posto so sería restituído a proposta da Asemblea Parroquial.
O cese dos membros do Consello Parroquial antes do esgotamento do seu mandato farase a proposta da Asemblea Parroquial, por maioría dos asistentes dos asistentes á Asemblea.

Cada parroquia constitúe unha circunscrición, na que se elixe o número de representantes do Consello Parroquial, que resulte da aplicación da seguinte recomendación da Concellaría de Participación Cidadá: :

Representantes
Ata  100  residentes  
2
De 101 a  250 residentes  
3
De 251 a 500  residentes
4
A partir de 501 residentes
5

Aos que se poderán unir un  representante elixido en asemblea  por cada un dos colectivos que teñan enderezo social e dinamicen socialmente a parroquia.
No suposto de que nalgunha parroquia  non se  presentasen representantes para formar o Consello Parroquial, a Asemblea Parroquial propoñerá para elección o número de veciños ou veciñas recomendado para tal representación; se estes rexeitasen a escolla, a parroquia poderá recorrer aos representantes propostos polos colectivos con sede na mesma a fin de establecer o órgano interlocutor co Concello e coas competencias atribuídas ao mesmo recollidas no artigo 32 do Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Silleda.


Artigo 2.- Requisitos para ser elector e elixible

1º .-Ter  cumpridos 18 anos.
2º.- Estar inscrito/a no Padrón Municipal como veciño/a da parroquia.


Artigo 3.- Requisitos para presentarse:

1º.- Cumprir os requisitos mencionados no parágrafo anterior.
2º.- Non ter sido desposuído/a do dereito de sufraxio pasivo.
3º.- Comunicación por escrito a Concellaría de Participación Cidadá.
4º.- Comunicación verbal ou por escrito  á  Mesa 5 minutos antes de dar comezo a votación.

Son inelexibles o alcalde ou alcaldesa amais os concelleiros e concelleiras.


Artigo 4.- Lugar e forma da votación:

As eleccións terán lugar no Local Social de cada parroquia no día da semana que se determine polo Concelleiro de Participación Cidadá, a convocatoria será realizada cunha antelación de 7 días.
 Deixarase un mínimo de 3 horas para a votación, que se realizará  nunha urna colocada ao efecto.

A Mesa estará constituída da seguinte maneira:

Presidente/a: Un/ha veciño/a da parroquia, elixido por sorteo entre o padrón municipal de residentes na parroquia, con comunicación previa por parte do Concello.
1º  Vogal: Un/ha veciño/a da parroquia, elixido por sorteo entre o padrón municipal de residentes na parroquia, con comunicación previa por parte do Concello.
2º Vogal: Un/unha  traballador/a  municipal.
Para o caso de Presidente/a e 1º vogal sortearanse tamén dous suplentes para cada posto.
De non asistiren as persoas ás que lles tocase a devandita responsabilidade por sorteo, excepcionalmente exercerá as funcións o Concelleiro de Participación Cidadá.

Artigo 5.- Duración

Cada catro anos renovaranse todos os membros do Consello Parroquial, seguindo os tempos da lexislatura a nivel municipal, limitándose a tres o número de períodos consecutivos de pertenza a este órgano, e a seis os descontinuos.

Hoxe comeza o obradoiro de Rosquillas de Abades ao que hai apuntadas máis de 30 persoas


O Obradoiro de Rosquillas de Abades deu comezo hoxe con máis de 30 persoas inscritas para a actividade, algunhas delas, residentes en Lalín e en Soutelo de Montes, e está previsto que se elaboren máis de 200 ducias de rosquillas.

Os organizadores desta actividade, a Asociación de Mulleres Rurais e a Asociación de Veciños A Costa,  promovida pola Concellaría de Turismo que dirixe Matías R. da Torre, destacan o grande interese que surxiu por esta actividade na que os participante que non saiban, aprenderán a facer este tradicional doce de fariña, ovos, manteiga, azucre e incluso nata.

Terá lugar a partir das 15.00 horas, e repetirase mañá no mesmo horario, e ambos os dous días no centro social da parroquia de Abades.

Neste mesmo lugar, o vindeiro día 3 a partir das 20.00 horas, terá lugar a degustación das rosquillas feitas no obradoiro, polas organizacións doutros eventos gastronómicos coma os voceiros da Asociación Amigos da Tortilla de Laro, os da Empanada de a Bandeira ou os da castaña entre outras.

Teatro d@s meniñ@s do Cascarón hoxe na Casa da Cultura


Hoxe venres a partir das 18.00 dúas obras de teatro que levarán a cabo os meniños e meniñas do programa Cascarón da Concellaría de Educación. 

Estas actuacións están encadradas na programación da finalización do segundo trimestre, e levaranse a cabo no salón de actos da devandita dependencia municipal. 

A primeira obra, do grupo de primaria que comeza ás 18:00 horas, titúlase “Os pitufos e a súa loita contra a envexa”. A segunda peza chámase “O xogo da Carrasquiña” e é do grupo infantil; comezará ás 18:45 horas.


miércoles, 28 de marzo de 2012

Semana Gastronómica na Bandeira

Na vila da Bandeira comezou unha Semana Gastronómica co lema "Saboreando A Bandeira" unha moi interesante iniciativa que achegará aos veciños as especialidades dos hosteleiros. 
As actividades, dentro desta iniciativa son as seguintes:


Martes 27: Tachy
Mércores 28: Filo e Suso Brey (Vinoteca Cadeira)
Xoves 29: Reyna
Venres 30: Teresa (Trécola)

Horario: 20:00 ás 22:00
Lugar: Casa Cultural da Bandeira


Achégate a desfrutar na Bandeira!!!

Concerto de Semana Santa na Casa da Cultura de

A Escola de Música de Silleda ofrecerá un concerto de Semana Santa o domingo 1 de Abril na Casa da Cultura de Silleda. Achégate!!!

lunes, 26 de marzo de 2012

XIX Festival de Bandas de Música de Silleda

A Banda de Música de Silleda será a anfitriona do XIX Festival de Bandas de Música, que terá lugar o día 7 de Abril ás 21:00h no Auditorio da Semana Verde de Galicia  e que contará coas actuacións da Unión Musical Contestana (de Cocentaina, Alacante, País Valenciano) e coa da propia formación organizadora. Achégate e desfruta!


Aspecto dunha das edicións anteriores

Acondicionamento voluntario do Local Social de Graba

Na fin de semana pasada varios membros da Asociación Cultural Coto do Castelo de Graba, pintaron o local da súa parroquia de xeito voluntario, cunha pequena aportación da Concellaría de de Participación Cidadá que levou a pintura necesaria.  Grazas a estes pintores e pintoras voluntari@s!



IX Curso de Música da Bandeira

Queda aberto o IX Curso de Música da Bandeira, que terá lugar no Auditorio Manuel Dopazo da Bandeira os días 2,3, 4 e 5  de Abril e contará con cursos de diversos instrumentos durante o día (de 10:00h a 14:00h e de 16:00h a 19:00h) e con conferencias pola noite, tal e como figura no cartaz.
O número de matrículas é limitado, polo que os que teñan interese en asistir deberán poñerse en contacto inmediatamente coa Banda de Música da Bandeira aos teléfonos:
 609 421 247
 617 736 473

As actuacións, cursos e confrencias quedan reflictidas no seguinte cartaz:


O Concello de Silleda estará presente no salón Alimentaria en Barcelona


O Concello de Silleda terá representación na feira Alimentaria 2012 de Barcelona que se celebrará do 26 ao 29 de marzo.
A Deputación de Pontevedra, coa colaboración da Concellaria de Turismo que dirixe Matías R. da Torre, é a encargada da colocación dun expositor no que se poñerán a disposición do público visitante folletos turísticos da comarca de Deza, así coma queixos da Asociación Feiral a Semana Verde e Rosquillas de Tábora para degustación.
Esta actuación está integrada no proxecto do Deza, posto en marcha pola devandita deputación e financiado polo Fondo Social Europeo e ten como obxectivo dar a coñecer, fóra das nosas fronteiras, os produtos típicos da zona, así coma a proxección de todos os recursos turísticos dos concellos da contorna.


Cartaz de Alimentaria 2012

sábado, 24 de marzo de 2012

O Concello de Silleda levou ás Comisións Informativas o Entroido dos Xenerais, os Consellos de Educación e os de Cultura


Ás Comisións Informativas de cultura, turismo, paticipación cidadá, deportes, formación, emprego e xuventude, celebradas onte, o Concello de Silleda levou o Entroido dos Xenerais da Ulla, os Consellos de Educación, Cultura e os Parroquiais.

No tocante ao Entroido dos Xenerais da Ulla, a proposta foi convertelos en festa de interese turístico. No protocolo de colaboración que Silleda fimou cos concellos de Vila de Cruces, A Estrada, Boqueixón, Vedra Teo, Padrón, Touro e Santiago, quedaron en que todos eles levarían este tema aos plenos do mes de marzo, para crear unha imaxe conxunta deste evento. Na devandita comisión, todos os membros votaron a favor desta proposta. Cabe destacar a novidade desta actuación xa que por primeira vez proponse unha festa mancomunada por tantos concellos.

Asemade, levouse a constitución do Consello de Educación, que se celebrou o pasado 23 de febreiro; douse conta da acta de proposta, pola que mostraron interese os directores dos centros educativos, os representantes das Anpas locais, así coma voceiros de Prescolar na Casa. Está previsto que se leve a pleno, co que, de aprobarse, pasarán a ser un organismo colexiado, como entidades municipais. O mesmo proceso foi levado a cabo para o Consello Municipal∫ de Cultura.

Ante estas dúas propostas, os concelleiros do PSOE e o do BNG votaron a favor, mentres que os do Partido Popular se abstiveron.

Consellos parroquiais
A Comisión Informativa leváronse por urxencia as normas que regulan os Consellor Parroquias.

A proposta contempla normas sobre as eleccións, para aprobar para o coñecemento dos cidadáns. Establécese asemade, as normas para participar no proceso de elección dos representantes dos consellos de cada parroquia.

Habería un presidente, un vicepresidente e ata un máximo de 5 vogais. Para isto, a Concellaría de Participación, que dirixe Matias R. da Torre, presentou unha suxerencia para poder estimar o número de representantes en función dos habitantes de cada lugar. De haber menos de 100 habitantes, o número de voceiros seria 2 (presidente e vicepresidente); se hai entre 101 e 250 veciños, serían representados por 3 persoas; se os residentes van de 251 a 500, elexirían a 4 persoas, mentres que se hai máis de 500, deberían elixir a 5.

Preténdese unha elección transparente, aberta e directa, garantido sempre máis dunha persoa en representación da parroquia, o que lexitimado de por si o proceso, conseguiríase unha representación máis imparcial, xa que sustituirían aos tradicionais alcaldes de barrio que eran designados polo goberno local pertinente.

Cabe destacar que se podería sumar un representante por cada un dos colectivos que estén inscrito no rexistro municipal de asociacións, con razón social na parroquia á que pertenzan.

As persoas que desexen apuntarse, deberán comunicalo previamente para o que teñen dúas vías. Por un lado, poden presentar un comunicado por rexistro á Concellaría de Cultura e Participación Cidadá, ou ben cinco minutos antes de comezar o proceso de elección. No caso de que ninguén se presentase, nunha asemblea parroquial poden porpoñerse candidatos para elixir aos representantes. En caso de que aínda así quede deserta, poderían elixirse, tamén en asemblea, a  membros das asociacións locais como representantes nos consellos parroquiais.

Poderán votar todas as persoas censadas nas parroquias e maiores de 18 anos, e non serán elixibles ningún dos membros da corporación municipal. Para este proceso de sufraxio, os veciños serán avisados con 7 días de antelación coa publicación nos medios de comunicación, así como a través de correspondencia. Os representantes das mesas serán elixidos mediante sorte, e dous deles serán veciños da parroquia, mentres que o terceiro será un traballador do Concello de Silleda.

As eleccións faranse de parroquia en parroquia, e non todas á vez. O presidente será a persoa con máis votos, o vicepresidente o seguinte con máis votos, e así sucesivamente.

A vixencia destes consellos van á par co tempo de lexislatura municipal.

“Con isto, trátase de proporcionar aos veciños unhas normas claras polas que rexirse no devandito proceso, e que este sexa claro e transparente” afirma o Concelleiro de Cultura e Participación Cidadá, Matías R. da Torre, “e por primeira vez na historia, os veciños poderán elixir eles os seus representantes parroquiais ante o Concello de Silleda polo que se anima a toda a poboación a participar nestes Consellos parrquiais”, remata o edil. 

viernes, 23 de marzo de 2012

Comeza na Casa da Cultura de Silleda un curso de Autocad organizado por Forga e no que colabora a Concellaría de Participación Cidadá


Na Casa da Cultura de Silleda, na aula B, dará comezo esta tarde noite un curso de Autocad. Está organizado por Forga e colabora a Concellaría de Participación Cidadá que dirixe Matías R. da Torre.

Esta actividade formativa está dirixida a traballadores en activo, aínda que contempla catro prazas, dun total de 14, para desempregados, e ten unha duración de 67 horas, das que 10 son para impartir o módulo de igualdade.

Os obxectivos xerais deste curso presencial, con 18 horas teóricas e 39 horas prácticas, son adquirir os xeitos, coñecementos, actitudes, aptitudes e destrezas necesarias para poder manexar con competencia o programa Autocad 2010.

Celebrarse de luns a xoves,  de 19.00 a 22.00 horas, e tamén o venres 4 de maio que será o día en que se finalice. Os docentes que estarán ao cargo son José Ramón Rosende Torres e Sandra Bugallo Barcala. Na Casa da Cultura de Silleda, na aula B, dará comezo esta tarde noite un curso de Autocad. Está organizado por Forga e colabora a Concellaría de Participación Cidadá que dirixe Matías R. da Torre.

Esta actividade formativa está dirixida a traballadores en activo, aínda que contempla catro prazas, dun total de 14, para desempregados, e ten unha duración de 67 horas, das que 10 son para impartir o módulo de igualdade.

Os obxectivos xerais deste curso presencial, con 18 horas teóricas e 39 horas prácticas, son adquirir os xeitos, coñecementos, actitudes, aptitudes e destrezas necesarias para poder manexar con competencia o programa Autocad 2010.

Celebrarse de luns a xoves,  de 19.00 a 22.00 horas, e tamén o venres 4 de maio que será o día en que se finalice. Os docentes que estarán ao cargo son José Ramón Rosende Torres e Sandra Bugallo Barcala.  

Segue aberto o prazo de inscrición para o curso de monitor de tempo libre


A día de hoxe, segue aberto o prazo de inscrición para todos aqueles que desexen asistir ao curso de monitor de tempo libre que se celebrará na Casa da Cultura de Silleda.  Aínda quedan 6 prazas libres, e poderá formalizarse a inscrición ata o día 31 de marzo en que dará comezo o curso.

            Este curso está organizado pola Escola Rural de Tempo Libre coa colaboración da Concellaría de Participación Cidadá que dirixe Matías R. da Torre. 

jueves, 22 de marzo de 2012

Finaliza en Breixa o curso de artesanía organizado pola Concellaría de Cultura e Turismo e a asociación “O Cruceiro”


Mañá, día 23 de marzo, finalizará o curso de Arte Románica de Trasdeza que se imparte na parroquia de Breixa, e está organizado pola Concellaría de Cultura e Turismo, que dirixe Matías R. da Torre, e pola Asociación Cultural “O Cruceiro de Breixa”.

Neste obradoiro de arte, participaron un total de 15 alumnos, tanto da devandita parroquia, como de Carboeiro, Ansemil e O Castro. As clases correron a cargo do artesán trasdezao Antonio González (Toño Paulino), repartidas en tres horas e media, un día á semana durante os catro meses que durou. Neste período, os alumnos realizaron en cerámica varias pezas do románico, como as reproducións das igrexas de Breixa e Ansemil  ou o Mosteiro de Carboeiro.  

Como se anunciara inicialmente a idea deste obradoiro tamén tiña unha finalidade turística, pois son os propios veciños e veciñas os que, tendo coñecemento do rico patrimonio das súas parroquias, poden ser os mellores axentes turísticos da zona, alén de seren sabedores tamén da súa propia historia local. Por isto, está previsto que nun futuro esta actividade formativa se realice noutras parroquias do Concello de Silleda nas que tamén exista representación de arte románica, como poden ser Taboada, Fiestras, Escuadro, Dornelas e Abades.



Mañá, a partir das 20.30 horas, será a clausura deste obradoiro no Centro Cultural de Breixa,  e expoñeranse as pezas realizadas polos alumnos, varias das cales pasarán a ser propiedade do devandito centro. A este acto están convidados tanto os asistentes, coma os demais veciños, e tamén Vitoriano Noguer, profesor e historiador, quen xa participou na apertura deste curso, no pasado mes de novembro, cunha conferencia sobre a arte románica da Igrexa de Santiago de Breixa.
Aspecto dos traballos realizados polos veciños

domingo, 18 de marzo de 2012

Abades organiza uns obradoiros para a elaboración de rosquillas, promovidos pola Concellarías de Turismo e Participación Cidadá


A parroquia trasdezá de Abades festexará o vindeiro 8 de abril a XXVI edición da Festa da Rosquilla. Como preparación, os días 30 e 31 de marzo levarase a cabo un obradoiro gastronómico de Rosquillas de Abades, actividade promocionada pola Concellaría de Turismo, que dirixe Matías R. Da Torre, e organizada pola Asociación de Mulleres Rurais da devandita parroquia e pola Asociación de Veciños A Costa.

            Neste obradoiro, que se levará a cabo no local social de Abades a partir das 15.00 horas, arredor dunha ducia de mulleres prepararán rosquillas para a festividade da seguinte semana. A estas rosquilleiras poderase unir calquera persoa que desexe compartir experiencia ou aprender a facer este doce típico, previa inscrición na Casa da Cultura de Silleda, ou poñéndose en contacto directo coa asociación organizadora.

            Está prevista a elaboración de 200 ducias de rosquillas neste obradoiro, algunhas das cales varios representantes de asociacións e organizacións doutras celebracións gastronómicas poderán probar na degustación que se celebrará o vindeiro día 3; están convidados membros das organizacións de festas como a da tortilla de Laro, a empanada de A Bandeira, a da castaña, o lacón, a paella ou o chourizo ao viño. A cata das rosquillas será tamén no local social de Abades a partir das 20.00 horas.


            Estas actividades naceron tras unha proposta feita dende a Concellaría de Turismo, para darlle un pulo tanto á romaría, como ao produto tradicional, que a pesar de comercializarse en varios puntos da zona, as rosquillas teñen a súa orixe no século XIX na parroquia de Abades. Asemade, entre os obxectivos atópase a pretensión de que os máis novos se interesen en seguir mantendo viva esta tradición, e que os coñecementos culinarios arredor deste doce se poidan transmitir dunhas xeracións a outras, como ata o de agora.