Etiquetas

jueves, 25 de octubre de 2012

A parroquia de Breixa celebrará a XIII Festa da Castaña o vindeiro sábado 27 de outubro


A parroquia silledense de Breixa celebrará a décimo terceira edición da Festa da Castaña o vindeiro sábado día 27 de outubro. A cita será a partir das 21.00 horas e a cea incluirá castañas asadas, cocidas e panceta, ademais de ofrecer servizo de polbeiro. No marco desta exaltación gastronómica tamén haberá un concurso de postres e a comisión organizadora sorteará un xamón. A velada estará amenizada pola agrupación de músicos A Lira de Prado. As entradas para asistir á cea poden mercarse en A Nosa Taberna (Breixa); Bar Sanse (O Castro); A Taberna de Pena (Negreiros); A Taberna de Martixe ; A Taberna de Saídres; Bodegón Esher e A Nosa Taberna (Silleda) e no Bar Reyna (A Bandeira).
Así mesmo o programa incorpora este ano dúas novidades. Así, ademais dunha exposición colectiva de artes plásticas o venres 26 ás 21.00 horas, no Centro Cultural “O Cruceiro” de Breixa terá lugar unha xornada divulgativa da marca de calidade da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Matías Rodríguez da Torre, sinala que esta xornada está aberta a todos os veciños e veciñas do municipio de Silleda, e nela explicaranse as posibilidades económicas do cultivo da castaña. “A idea é complementar as festas gastronómicas típicas de Trasdeza con outros elementos de carácter cultural, de ahí a exposición, ou de promoción turística e económica, como a charla que terá lugar o venres e que se presenta moi interesante, xa que se darán a coñecer as potencialidades deste recurso milenario galego para o noso país, tal e como xa acontece en Francia ou Portugal”, engade o concelleiro.
Na xornada divulgativa, ademais de cuestións como a producción (variedades existentes, temas relacionados co cultivo, enfermidades e pragas, parque de maquinaria…) tamén se abordarán outras como a comercialización (castaña para fresco e para industria), axudas ou exemplos de xestión empregados noutros países.

A comedia “Mambo” chega á Casa da Cultura de Silleda o vindeiro domingo 28 de outubro


A programación cultural de Silleda continúa o vindeiro domingo día 28 coa comedia Mambo, de Juan Antonio Castillo. A cita será na Casa da Cultura ás 18.00 horas. As entradas poden adquririse na propia Casa da Cultura. Para facer reservas pódese chamar ao 986 581028 ou ben enviar un e-mal a cultura. silleda@gmail.com. O custe será de 7 euros, con descontos para parad@s, estudantes e xubilad@s (6 euros) e menores de 16 (5 euros). Tamén se poden mercar packs, para dúas persoas (adultos, por 12 euros); adulto e nen@ (10 euros) e pack familiar (2 adultos+2 nen@s por 20 euros). A obra, non está recomendada para menores de 12 anos.
Para os que escoitaron falar dela e non a puideron ver, MAMBO continúa coa súa xira galega e desta volta aterra en Silleda. Facemos un repaso das principais claves para entendela. Para empezar, as personaxes: Manolo e Ramón, currantes de Galakistán (terra sen esperanza); Floid e Larry: gobernantes de Inglandia (terra da abundancia) con parecido físico extraordinario a Ramón e Manolo respectivamente; Paca: doncela namorada do capitán Larry e desexada polo rei Floid; Paca-Paca: evolución hardcore de Paca; Mandela: o que vale para todo. A partir de aí, desenvólvese unha historia firmada por Juan Antonio Castillo, bastante shakesperiana no seu argumento e moi singular no seu formato escénico (a cargo de Iván R.) que ten a vantaxe de empregar un código lingüístico único, entendible en case todo o planeta.

Algúns chámanlle “neo comedia da arte”, outros descríbena como unha mestura de clown, comedia da arte, realismo e surrealismo...sen chegar a ser ningún deles. O que MAMBO é ou non é aínda está por dicir. De momento, Xoán Abreu (actor e director do espectáculo), Machi Salgado (actor), Fran Peleteiro (actor) e Antela Cid (actriz), conseguiron arrincar gargalladas a eito e contaxiar ao público da súa particular linguaxe na estrea que fixeran a pasada primavera en Vigo. Agora continúan a conquista de Galakistán e se se poñen poden chegar ata Inglandia. De momento, van a por Silleda. Actuarán na Casa da Cultura de Silleda o domingo 28 de outubro ás 18,00 horas. Os prezos da entrada son 7 € a normal, 6 € parados, estudantes e xubilados, 5 € os menores de 16 anos, 10 € un adulto e un menor, e 20 € Familiar, dous adultos e dous cativos.

Aí van as 16 palabras do dicionario Mambo por se queredes ir ensaiando: AMORE (non necesita tradución), POWER (tampouco a precisa), MAMBO (interpretable ben como sexo, ben coma foder, no sentido de fastidiar), OK (que vale, que si), STOP (vai parando), PESETA (cartiños), WHISKI (bebercio), REVOLUTION (cando a vida dá unha volta), GALAKISTÁN (Galicia), INGLANDIA (Inglaterra), NO (non é non), HM serve para preguntar calquera cousa ou mostrar sorpresa), PAPEL (documento), MANDELA (criado), PUM (pistola), PICCOLO (pequeno).



lunes, 8 de octubre de 2012

Torneo de Petanca en Silleda

Este venres 12 de Outubro, a partires da 10 da mañá terá lugar o primeiro torneo de petanca de Silleda, acompañado, ao día seguinte dun curso de inicación á petanca.
A actividade, organizada por Adellís, terá lugar na Praza da Feira Vella e as insicricións serán na Casa da Cultura de Silleda.


viernes, 5 de octubre de 2012

Exposición das obras das alumnas dos Cursos de Pintura de Vilar e Oleiros

As veciñas que durante o outono e inverno pasado tiveron a oportunidade de aprender pintura artística en Oleiros e Vilar. A exposición foi inaugurada onte polo concelleiro de Cultura, Matías Rodríguez da Torre e ficará na Sala de Exposicións Pintor Colmeiro ata o 15 de Outubro.


lunes, 1 de octubre de 2012

I Melodías de Outono en Ponte o sábado 13 de Outubro

A Asociación de Veciños  A Trabe de Ponte organiza para o día 13 de Outubro ás 17:30 horas a primeira edición do seu festival "Melodías de Outono".
Terá lugar nunha carpa situada no Campo da Festa de Ponte, e contará coas actuacións das bandas xuvenís locais: A Banda Xuvenil da Bandeira e a de Silleda.



Roteiro arqueolóxico de Oleiros o sábado 6 de Outubro

A Asociación de Veciños San Miguel de Oleiros, en colaboración coa Concellaría de Cultura, Educación, Turismo e Participación Cidadá promove unnha visita guiada á Área arqueolóxica de Oleiros, como xeito de dar a coñecer aos veciños da parroquia e a calquera interesado que se queira achegar, o  enorme patrimonio arqueolóxico do lugar.
O roteiro consistirá nun percorrido duns 5 km a través dos cales poderemos ver petróglifos, mámoas e castros, explicados polo arqueólogo Israel Picón Platas de xeito totalmente gratuíto. 
O punto de encontro será o sábado 6 de Outubro, diante da Parrillada "O Carballo" de Oleiros, ás 10:30 horas. No devandito restaurante, haberá tamén un menú opcional, para aqueles participantes que o desexen por 10€.