Etiquetas

lunes, 30 de abril de 2012

Pau de Buxo celebra unha década de actividade en Saídres

Os gaiteiros de Saídres "Pau de Buxo" celebrarán o vindeiro día 19 de Maio unha grande festa que incluirá concurso de aturuxos, cea e foliada no campo da festa de Saídres. Anímate e vén!


sábado, 28 de abril de 2012

Convocatoría para artellar as festas do verán


O Concelleiro de Turismo e Participación Cidadá convoca o luns á cidadanía para a formación dun grupo de traballo de cara ás festas do verán de Silleda

Silleda, 28 de abril de 2012. O vindeiro luns, a partir das 21.00 horas o Concelleiro de Turismo e Participación Cidadá, Matías R. da Torre, convoca a hostaleiros, asociacións, comerciantes e cidadáns en xeral da parroquia de Silleda para a organización dun grupo de traballo que conforme  a comisión e se encargue da organización das festas de verán de Silleda que teñen lugar cada segunda fin de semana do mes de xullo.
           
            Na anterior reunión celebrada hai tres semanas e na que apenas houbo afluencia, decidiuse sentar as bases para unhas posibles festas, nas que dadas as dificultades económicas actuais, os días de celebración se rebaixarían a dous.

            O Concelleiro fai este chamamento valorando que apenas quedan dous meses para os festexos e só, polo de agora está clara a organización da Festa do Lacón. Deste xeito, Matías R. da Torrepídelle á cidadanía que coopere para poder sacar adiante as festas do verán nas que o Concello colaborará moi activamente, mais non se vai pór a organizar.

miércoles, 25 de abril de 2012

Primeira reunión de traballo para a preparación da Romaría do Rapaz

Hoxe, 25 de Abril, tivo lugar na Casa da Cultura de Silleda a primeira reunión de traballo para preparar a Romaría do Rapaz que terá lugar o vindeiro 24 de Xuño, en Siador, coma de costume.
O concelleiro de Educación e Participación Cidadá, Matías Rodríguez da Torre, tivo este primeiro encontro con representantes da ANPA Bricandeira do CEIP da Bandeira e da ANPA Pícaros do CEIP de Silleda, así como con persoal do Cascarón.


lunes, 16 de abril de 2012

O Mosteiro de Carboeiro é, de novo, un plató de cine

Desta volta trátase da curtametraxe "Suicidio Lamprea" dirixida por Guillermo Arias-Carbajal que voltou a escoller o noso Mosteiro, representante máximo do románico oxival en Galiza, como escenario para a súa película.


Un intre da grabación de onte, no que se pode apreciar a xirola. 

A Concellaría de Cultura colabora con Olaia na I Gratifeira


DATA, LUGAR E HORARIOS:

Días 20, 21 e 22 de abril
Casa da Xuventude
Mañán: de 11 a 2 – Tarde: de 5 a 9

¿QUÉ É UNHA GRATIFEIRA?

Unha GRATIFEIRA é unha feira onde todo é gratis. Isto non quere dicir que sexa unha feira de troco ou intercambio. Vai máis aló dese concepto, porque aquí non hai noción de reciprocidade. O lema da feira é “Trae o que queiras ou nada; leva o que queiras ou nada”.
Desde nenos ensínannos que para recibir sempre hai que dar algo a cambio, e viceversa. Como consecuencia disto, sempre que damos esperamos recibir outra cousa, anque namáis sexa o agradecemento ou o recoñecemento por parte de alguén. Este non é o caso. Eu dou algo simplemente porque teño algo para dar, e non espero recibir nada por iso. Fágoo polo simple pracer de dar, pois nin siquera sei quen o vai recibir. Dou algo porque non o preciso, e penso que lle pode servir a outros.
Por outra banda, aínda estamos menos acostumados a recibir, pois resúltanos moitas veces violento e mesmo embarazoso recibir un agasallo e non corresponder dalgún xeito. Sentímonos mellor cando “a débeda está saldada”. Aquí temos a oportunidade de aprender a recibir sen sentírmonos en débeda con ninguén ou na obriga de ter que restituír de algún modo ese “favor” ou ese “detalle”.

¿QUÉ PODEMOS ATOPAR NUNHA GRATIFEIRA?

Na GRATIFEIRA compartimos:
Roupa, mobles, libros, xoguetes, música, tecnoloxía, ferramentas, arte, menaxe, etc.
Podemos traer todas aquelas cousas que xa non precisamos ou que simplemente xa non estamos utilizando. É necesario que todo estea limpo e en bo uso, pois non podemos dar a ninguén o que nós consideraríamos indigno recibir. Neste espazo, esas cousas atoparán outras personas que as aproveitarán e as agradecerán.

UN BO MOMENTO E UN BO EXEMPLO

Esta iniciativa chega nun momento marcado pola crise económica e o desemprego, o que motiva que moitas familias teñan serias dificultades para saír adiante ou que mesmo carezan totalmente de ingresos. Coa GRATIFEIRA, sementamos a intención de relacionarnos desde a cooperación en lugar de facelo desde a competencia, tal e como nos ensinaron.
Disfrutemos dando exemplo ós nosos fillos, que medran remedando ós país. Son eles os que teñen que cambiar este mundo cheo de ambición, consumismo e depredación por outro máis humano, sostible e cooperante.

OBXECTIVOS DA GRATIFEIRA

Entre os obxectivos dunha GRATIFEIRA, atópanse os seguintes:
Desterrar pouco a pouco a idea de escasez ou miseria, de que non hai suficiente para todos. Hai dabondo se compartimos o que temos e non nos adicamos a acumular avariciosamente incluso aquilo que nin siquera usamos
Evitar tirar ó lixo tódalas cousas das que nos queremos desprender. Desta maneira contribuímos a paliar a contaminación, apostamos pola reciclaxe e alongamos a vida útil dos bens nas mans doutras personas que os precisan
Contribuímos á posta en práctica de conceptos como a sociabilización, a cooperación e o altruísmo
Aprendemos a desprendernos das cousas con naturalidade, sen pesar, e aprendemos a recibir coa mesma naturalidade, sen sentimentos de obrigas ou de vergonza
A GRATIFEIRA é unha maneira de contrarrestar o egoísmo e o consumismo innecesario que o modelo de sociedade imperante case nos obriga a adoptar, substituíndoos pola cooperación, o apoio mútuo e a solidariedade.
Nunha GRATIFEIRA destérrase definitivamente o falso concepto de “se ti gañas, eu perdo”. Aquí gañamos todos.

CÓMO PARTICIPAR

A maneira de participar non pode ser máis sinxela: acudindo á GRATIFEIRA, xa sexa como simple espectador ou contribuíndo co que queirades, e por suposto, levando o que cada un desexe levar. Todos seredes benvidos.



sábado, 14 de abril de 2012

A Concellaría de Cultura colabora co Festival Azaloira que terá lugar o 6 de Maio na Bandeira


Este concurso de baile tradicional galego celebrarase o vindeiro 6 de maio a partir das 18.00 horas no Auditorio Manuel Dopazo, e a entrada será gratuíta.

Nesta ocasión participarán os grupos A.C. Donaire, de A Coruña; A.C. Traspés, de Vigo; A.C. Os Xeitosos de Trazo, Trébebe, de Marín; Arroases da A.C.F. O Fiadeiro, de Vigo; As Malveiras, de Vilagarcía e O Cultural de A Ponte Vella, de Teo. Na fin de festa, actuará o Coro Vales Mahía.

Contémplanse tres premios, dous menos que nas anteriores. O primeiro premio, de 1.500 euros é por cortesía do Concello de Silleda; o grupo de baile que quede en segundo posto levará un 800 euros e está doado polos comerciantes e empresas de Bandeira e Silleda, mentres que os terceiros levarán 500 euros por cortesía da Asociación de Baile Xuvenil “Fortín da Pomba”.

Na rolda de prensa, a presidenta da asociación de baile organizadora, Josefa Ferreiro, informou que os premios a mellor acompañamento e mellor vestiario, só se entregarán se consigue diñeiro para tal fin.

Asemade, destacou que a neste concurso participarán algúns dos mellores grupos de baile tradicional de toda Galicia, e que a fin de festa terá un carácter especial xa que actuará o Coro Vales Mahía “e algúns dos seus compoñentes son pais dos rapaces que están no grupo de baile; mesmo a súa directora bailou en Fortín” e reseñou que era unha boa ocasión para darse a coñecer, xa que asistirían numerosas persoas de toda a xeografía galega.

O Concelleiro de Cultura, Matías Rodríguez, destacou a gran calidade deste certame, pola traxectoria de todos os grupos participantes; tamén resaltou a importancia deste tipo actividades culturais “que levan moi lonxe o nome deste concello”.



Imaxe dunha edición aterior.

miércoles, 11 de abril de 2012

A Concellaría de Participación Cidadá impulsa a creación dunha comisión para as festas de Silleda


A Concellaría de Participación Cidadá  quere evitar que se repitan situacións como a do pasado ano, en carecían de comisión de festas a menos dun mes e medio da súa celebración. O municipio estivo a piques de quedar sen actividades, de non ser polo ofrecemento, a última hora, dun reducido grupo de veciños que, axudados polo goberno local, organizaron os festexos.

A tres meses da cita, o edil de Cultura, Educació, Turismo e Participación Cidadá  Matías Rodríguez dá Torre, convoca aos hostaleiros locais, aos diferentes colectivos culturais e sociais, ás asociacións e a todos os veciños do centro urbano a unha reunión mañá, ás 20.30 horas, na Casa dá Cultura. Quere sondar a súa dispoñibilidade a colaborar na programación das festas e escoitar as súas ideas e propostas de face aos festexos do mes de xullo. O concelleiro animará aos asistentes a que constitúan unha comisión que se encargue dos preparativos e ofreceralles, por adiantado, "toda a axuda que sexa posible desde o Concello", asegura. 
Á cita están chamados os representantes sociais, culturais e da hostalería silledense, aínda que o encontro está aberto a todo veciño que queira asistir e achegar as súas propostas. 

martes, 10 de abril de 2012

Novos encontros cos veciños para explicar Participación Cidadá

Ponte: Martes 10 de Abril ás 21:30h
Graba: Mércores 11 de Abril ás 21:30h


“Cincenta, a gata borrallenta” estará en A Bandeira o día 13 e en Silleda o día 14 de Abril. Musical para todos os públicos organizado pola Concellaría de Cultura e Educación.


            A obra de teatro “Cincenta, a gata borrallenta” representarase o vinceiro venres día 13 a partir das 21.00 horas no Centro Cultural Vista Alegre de A Bandeira e o día 14 a partir das 20.00 horas, na Casa da Cultura de Silleda. 

            Esta actividade, organizada pola Concellaría de Cultura, ten un custo de 5 euros por persoa. Quen o desexe, pode adquirir as entradas nos devanditos edificios municipais, dende hoxe mesmo, ou o día da representación, xa que terán o mesmo prezo.


Cincenta, a gata borrallenta
            Esta obra, de Eisenhower Moreno é unha adaptación libre do conto “Cinsenta”, pensada para nenos e nenas a partir de 4 anos, onde acompañados de música e vestimentas chamativas, 10 actores interpretan a novos personaxes, que en realide son gatos.

            Trátase dunha comedia musicada que dura 45 minutos, cunha posta en escena áxil e inspirada en debuxos animados, con efectos sonorios e visuais, con músicas  croreografías que contan a istoirai com máis forza se cabe.


domingo, 8 de abril de 2012

Impresionante o festival de Bandas de Silleda

Tanto a actuación da Banda Contestana coma a da Banda Municipal de Silleda ofreceron un grande espectáculo na noite do sábado no Auditorio da Semana Verde de Galcia.

jueves, 5 de abril de 2012

Clausura do IX Curso de Música da Bandeira

Hoxe tivo lugar a clausura do IX Curso de Música da Bandeira que tivo lugar no Auditorio Manuel Dopazo  da Bandeira dende o pasado día 2 estivo ateigado de monográficos, conferencias e actuacións.

Aspecto da clausura desta edición do Curso de Música da Bandeira

martes, 3 de abril de 2012

Abades presenta o programa para a festa da Rosquilla


A Asociación de Veciños A Costa de Abades presenta hoxe o programa das festas do seu día grande. Será durante a degustación de rosquillas que se celebrará hoxe a partir das 20.00 horas lo local social da devandita parroquia.

O gran día, o vindeiro 8 de abril, comezará a xornada festiva con un pasarrúas ás 10.30 horas coa Banda de Música Recreativa Culturas de A Bandeira e coa Banda de Música Lira de Prado.

 Ás 12.00 horas está prevista a misa solemne, a ofrenda e a procesión, enmarcadas dentro dos actos relixiosos. De seguido, arredor das 13.00 horas, terá lugar a tradicional poxa, degustación e venda das rosquillas, no campo da festa de Abades.

O programa tamén contempla unha gran tirada de fogos de artificio ás 14.00 horas, antes do concerto, na sesión vermut, das devanditas bandas de música.

Durante a tarde, quen se achegue poderá visitar a exposición de manualidades realizadas polos membros da Asociación de Mulleres Rurais de Abades, emprazadas no local social da parroquia.

Para rematar o día festivo, as dúas bandas ofrecerán un novo concerto pola noite. Cabe destacar que o campo estará cuberto e que haberá polbeiros.

O Concello de Silleda colabora no XIX Festival de Bandas de Música


Silleda, 3 de abril de 2012
O sábado día 7 de abril terán lugar os concertos do XIX Festival de Música a cargo, nesta ocasión, da Banda de Música Municipal de Silleda e da Unión Musical Contestana de Cocentaina, Alacante. Será no Auditorio da Semana Verde, a partir das 21.00 horas.

Segundo explicaron hoxe na presentación do evento, á que asistiron o director da Banda de Silleda, Rafa Agulló, o encargado da escola de música, e o Concelleiro de Cultura, cada unha das agrupación interpretará un programa de aproximadamente 45 minutos. A Alacantina, dirixida por Mario Roig Vila, interpretará catro pezas: Guitarra Española, de Enrique Igual Blasco; Diagram, de André Waigneim; Homenaxe a Khachaturian, de José Pérez Vilaplana eJa Vorede Francisco Valor Llorens.

Pola súa banda, a formación trasdezá interpretará Pórtico, de Antón Alcalde Rodríguez; Estrasantico de Simón Couceiro Rivera e Iter Per Gallaecia de Juan Lois Diéguez, compositor integrante da propia banda que a interpretará. Cabe destacar que esta peza foi tocada unha vez.

A Banda de Música Municipal de Silleda ofreceu un concerto, hai xa catro anos, na localidade alacantina e Cocentaina, a onde pertence a Banda, xa que esta é a localidade natal do actual director da devandita formación, Rafa Agulló.

Este ano, serán a Unión Musical Contestana a que visitará este concello. Os membros desta banda chegarán o venres 6 de abril a Silleda, e serán recibidos pola Alcaldesa, Paula Fernández Pena, na Casa da Cultura ese mesmo día, ás 21.30 horas. A continuación, gozarán dunha cea de confraternidade ás 22.30 horas no comedor do Colexio Público, e unha vez rematada, arredor das 00.30 horas gozarán da marcha silledense.

O sábado, a partir das 11.00 horas, terá unha visita guiada pola Fervenza do Toxa e polo Mosteiro de Carboeiro. Ás 17.00 horas, a banda de Silleda ensaiará no auditorio da Semana verde, e a partir das 19.00 horas ensaiará o grupo visitante ata a hora do festival. Unha vez finalizado, os anfitrións prepararanlle unha gran churrascada aos alacantinos, e unha tradicional queimada.

O domingo día 8, pasarán a xornada completa en Santiago de Compostela, e ás 21.00 no Colexio Público terán unha cea de despedida, xa que marchan o luns pola mañá.

O Concello de Silleda colabora neste acto, aportando apoio loxístico e económico, como por exemplo axudando no aloxamento dos visitantes, na comida ou no aluguer do Auditorio da Semana Verde.

Cabe dicir que os anos anteriores era tres as bandas que participarán no festival, mais este ano, debido ás dificultades económicas actuais, optouse por convidar a unha nada máis.