Etiquetas

domingo, 29 de enero de 2012

Alto dos Xenerais: Entroido en Lamela e na Bandeira

O Concello de Silleda intégrase no Proxecto do Entroido dos Xenerais da Ulla xunto con outros 7 concellos da contorna da cunca do Ulla Medio (Vila de Cruces, A Estrada, Teo, Boqueixon, Vedra, Santiago de Compostela e máis Touro).
No noso Concello haberá Altos en:

Lamela: 11 de Febreiro no Campo da Festa
A Bandeira: 18 de Febreiro na Praza da Feira




Unha imaxe anterior do Entroido da Bandeira




Dende a Concellaría de Cultura e Participación Cidadá estase a promover o entroido no Concello de Silleda.  
Alén do entroido e do popular Alto dos Xenerais –indiscutíbel atractivo turístico de entroido tradicional e distintivo-  de Lamela e A Bandeira cos que xa houbo unha coordinación en semanas pasadas, téñense convocado actualmente dúas xuntanzas cos colectivos que habitualmente fan traballo social na vila de Silleda, nas cales participaron Adellís, Olaia, Ecos, Banda de Música Municipal de Silleda, S.D. Silleda, Anpa Pícaros, Avanza Trasdeza, Asociación Feiral Semana Verde, Coral Polifónica Trasdeza e a Asociación de mulleres do municipio de Silleda.   Logo destas dúas reunións comezáronse  para o vindeiro mércores día 1 na Bibilioteca Municipal Castelao para matizar xa un programa que contén varias ideas globais para promover a mascarada.   

O principal é tentar que sexa a sociedade a que pule polo entroido recuperando un maior ambiente, concretamente en Silleda onde últimamente decaeu, sen ter que ser directamente o Concello quen organice unha actividade que debe sair do pobo. Cóntase cos colectivos para unha programación que, a grandes liñas incluiría:   Un roteiro que se lle está a propor aos hostaleiros da vila de Silleda para a noitiña dos días 17 e 18 de febreiro, venres e sábado de entroido. Consiste en proporlle a aquelas persoas mascaradas uns suxerentes pinchos típicos desas datas co que se procurará recuperar o ambiente festivo durante o entroido no casco urbano. Xa hai varios hostaleiros que mostraron o seu aprezo a esta actividade e agárdase concretar nesta semana o número de locais participantes, os cales albergarían unha exposición fotográfica de exitosos entroidos precedentes en Silleda. Nesta actividade van colaborar estreitamente as asociacións Adellís, Ecos e Avanza Trasdeza.  

Manterase para o sábado á tarde a festa de entroido infantil con animación organizada tradicionalmente pola Asociación de Veciños Olaia, coa colaboración da Concellaría de Cultura.   Para o domingo proporase  un desfile de máscaras con fin de festa con música. Para esta actividade colaborarán activamente a Banda de Música Municipal de Silleda e a escola de música, a Ampa Pícaros, Olaia, Adellís, Ecos e a Asociación Feiral Semana Verde.  

Todos os colectivos poñerán o seu gran de area para que Silleda tente correr o entroido como noutros tempos, coa misión de poder coordinar estes esforzos dende a Concellaría de Cultura e a participación cidadá un entroido participativo e unha programación de calidade a nivel municipal.



Por certo! na Bandeira xa fixeron un vídeo promocional para o seu Entroido do 2012

http://www.youtube.com/watch?v=FR0MV4NtA9M&feature=share

viernes, 27 de enero de 2012

Marful actuará en Carboeiro o 2 de Febreiro (entradas á venda na Casa da Cultura)



Porque non hai máis crise cá das ideas e o mundo é dos “valentes, que ensinan os dentes”, Marful arrinca este 2012 cunha xira chea de beleza e cariño. Un percorrido polos lugares máis paradisíacos da xeografía galega. Unha proposta de achegamento ao público do país porque “Sempre hai público para unha boa música. Sempre hai corazón para un bo sentimento”.
Namorados do patrimonio civil e da arquitectura, como o mostran nos seus discos, deciden e elixen os lugares donde atoparse en cadeas persoais singulares, espazos únicos e momentos exclusivos. Desfrutando da poética e historia dos espazos a través do potencial maior, a emoción que move o mundo: o amor. A poesía e o amor extensíbel a toda forma de vida.
Marful confía plenamente no público galego mais alá dos palcos dos teatros e auditorios, que tamén. Do público que acepta desfrutar do reducido, das pequenas cousas. Marful elixe aventurarse e achegarse á xente en lugares singulares, unindo turismo cultural e música, combinando o sano minifundismo galaico con ideas sociais avanzadas.
Soñando e xogando a vida en cada actuación, estas “presenzas musicais” de Marful tratan dun coñecemento sobre eles mesmos e sobre os seus oíntes cos que desexan fundar, se é posíbel, relacións máis profundas que a aparencia. Por iso lles ofrecen a súa presenza próxima, nun formato coidado e exclusivo, para que dunha maneira íntima e atenta os poidan escoitar cantar, tocar, falar, respirar, degustar, emocionarse e suar.
Nesta “Xira surreal” Marful percorrerá mosteiros, illas, muíños, conserveiras, museos, granxas, bodegas, pazos, torres, fervenzas, castelos... ofrecendo en cada espazo o mellor de si: a súa música, a súa presenza. E, de acompañamento, os mellores produtores e produtos gastronómicos de cada zona, arredor dos que se atoparán artistas e público. Os aforos serán limitados; as músicas e as presenzas non. Ofrecerán o mellor dos seus dous discos e algunhas xoias a maiores, e partillarano todo coa maxia dos diferentes lugares, en acústico ou semiacústico.
                                                                                   
 Inicio da Xira en Silleda
A primeira presenza musical desta Xira será o vindeiro 2 de febreiro, a partir das 20:30h na Igrexa do Mosteiro de Carboeiro, en Silleda. Neste marco incomparábel e no día de Santa Candela, día no que casan os paxaros e tema que abre o último disco “Manual de Sedución”, poderemos desfrutar da música de Marful, da súa presenza e degustar queixo “Semana Verde”, melindres “Tábora”.
Esta é unha actividade organizada pola Concellaría de Cultura do Concello de Silleda, coa colaboración da Queixaría da Asociación Feiral Semana Verde e a Confeitaría Tábora e a de todos os que se acheguen.
Aforo limitado. Entrada 15 euros (Á venda na Casa da Cultura de Silleda)
Máis información e reservas en: www.turismosilleda.es;
info@turismosilleda.es





Presentación do Concerto con Matías R. da Torre máis dous dos membros do conxunto na Biblioteca Pública Daniel Castelao de Silleda



Co noso Mosteiro de Carboeiro como magnífico escenario semella que a experiencia vai ser espectacular



Aquí temos o vídeo da rolda de prensa



lunes, 23 de enero de 2012

A Ponte Taboada cumpre 1100 anos!

Segundo se pode ler na inscripción que está no penedo a carón da Ponte, esta foi feita a véspera de Abril do 912, razón pola que o 31 de Marzo deste ano cúmprese os seus primeiros 11 séculos de exitencia. Co obxectivo da posta en valor deste magnífico monumento do Medievo sobre o río Deza.
Dende a Área de Cultura do Concello de Silleda, traballamos nun acto conxunto coa de Lalín pola reinvidicación do devandito monumento (composto pola ponte, a pedra coa inscripción e máis un treito do antigo Camiño Real, aínda empedrado)


O penedo coa inscripción da data (sito da beira de Silleda)


Aspecto da ponte medieval de Taboada (dende a parte de Silleda) onde se pode apreciar un anaco do Camiño Real, así como a ponte do ferrocarril (anos 40')

Estrea do coro "Xosé Vales Mahía", na honra do insigne tenor silledense, o 28 de Xaneiro na Bandeira

O Auditorio Manuel Dopazo, da Bandeira, acollerá este Sábado día 28 de Xaneiro, a estrea da coral "Xosé Vales Mahía" que honra co seu nome, ó insigne tenor trasdezao que recorreu Europa a mediados do século XX coa súa voz. Agardámoste!


A praza que hai diante do Auditorio "Manuel Dopazo" leva o nome do tenor da Bandeira



viernes, 20 de enero de 2012

Brincadeira anima á lectura na Bandeira

A ANPA do CEIP da Bandeira (Brincadeira) acaba de poñer en marcha unha moi interesante proposta: un punto de lectura onde coller e deixar libros, que se poñerá na Pastelería Dulce Deza e que contará con máis de 60 volumes.
O horario será:
De luns a sábado: de 07:00h a 21:00h
Domingo: de 09:00 ata as 15:00h

Ademais as nais e pais da Bandeira pretenden para este ano achegar máis o teatro ós máis cativos.

Este cartel será o que se poña nos establecementos onde haxa Punto de Lectura


miércoles, 11 de enero de 2012

Obradoiro de Cabezudos na Bandeira

Dende o 10 de Xaneiro andamos a voltas cun obradoiro de cabezudos no Centro Social dos Maiores da Bandeira. O noso obxectivo é volver ver estas figuras tan senlleiras antano no Antroido dos Xenerais polo noso concello. Fai falla xente para traballarmos para ter de novo cabezudos no Antroido! Achégate!


Desfile do Entroido na Bandeira nos anos 30' onde se ven ós cabezudos diante dun Xeneral


domingo, 8 de enero de 2012

Maratón de Cinema de Adellís

A Asociación Cultural Adellís levou a cabo o seu Maratón de Cinema. Desta volta extendeuse dende as 15.50 horas ata as 4 da madrugada, nunha xeira na que puidemos ver 6 filmes con amplo recoñecemento internacional no Salón da Casa da Cultura de Silleda.
Logo de cada filme o público puido votar a película e tomar un aperitivo.


Cartaz do Maratón

Concerto de Aninovo no auditorio da Bandeira

O auditorio Manuel Dopazo da Bandeira, acolleu a edición do Concerto de Aninovo, desta volta coas actuacións de :

-A Coral Polifónica "Trasdeza" (Silleda)
-Asociación Cultural  "Xirandola" (A Bandeira)
-O Grupo de Baile Xuvenil  "Fortín da Pomba" (A Bandeira)
- A Banda de Música Recreativa e Cultural da Bandeira


Un intre do Concerto de Aninovo

viernes, 6 de enero de 2012

II Certame de Música Tracional

O día 6 tivemos a oportunidade de ver a segunda edición da "Xuntanza de Música e Baile Tradicional" no Salón de Actos da Casa da Cultura, que, totalmente ateigado amosou a consolidación e a resposta positiva dos veciños para con el.
Os grupos que actuaron foron:

-Gaiteiros de Pau de Buxo
-Os Carqueixas
-Cantareiras O Son da Fervenza (coa solista Rocío Mosquera)
-Grupo de Baile Xirandola
Grupo de Gaitas da Escola de Música Municipal de Silleda
-Gaiteiros A Pereiriña
-Grupo Os Sen Son

E mailo grupo convidado Tirabeque da Estrada



Uns intres de actuación fóra da Casa da Cultura


Actuación no Salón da Casa da Cultura, como se pode ver, ateigado

Volve a Feira de Reis

"Seica a Feira de Reis era a meirande do ano, co gallo de ser dos derradeiros días que os emigrantes estaban na casa ata que tiñan que reincorporarse ó traballo aló onde estiveran a gañar o pan". Isto é o que din, a respeito da Feira de Reis, os silledenses que ainda se lembran da mesma, desaparecida aló nos 70'.
Dende a área de cultura quixemos recuperar esta tradición, e dar a coñecer ós silledenses o traballo dos nosos artesáns e así coma dos produtores de produtos propios do país.


Imaxe da Feira de Reis

jueves, 5 de enero de 2012

100 aniversario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro

Tal día coma hoxe 5 de Decembro, fai 100 anos,  nacía en Celanova o poeta Celso Emilio Ferreiro, consolidado na segunda metade do século XX, coma un dos máis importantes poetas do noso pobo, especialmente combativo na loita pola liberdade durante a ditadura franquista. Dende a Concellaría de Cultura de Silleda, contribuimos á divulgación da súa figura coma referente da Cultura Galega. 


Velaí o poema "Deitado frente ao mar" musicado polo grupo de hip-hop ordense Dios Ke Te Crew:


Língoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque si
porque quero
porque me peta e me dá a gaña

Os Monicreques críticos teñen moito éxito na Bandeira!

A compañía de monicreques "Fantoches Bal" trouxo á Bandeira o seu espectáculo "Fábula Galénica", caracterizado pola súa fonda crítica social con grande acollida polo público do Centro Cultural Vista Alegre.


Inacio Vilariño, director e autor de "Fábula Galénica" durante a representación da súa obra anterior



miércoles, 4 de enero de 2012

Chegou o Apalpador a Silleda!

Dende a Área de Cultura reinvindicamos un Nadal galego, coa figura senlleira do Apalpador, soamente conservada nas montañas orientais do país, pero que dende fai uns anos se tenta inserir dentro das tradicións do Nadal.
O Apalpador, é un carboeiro que baixa das montañas na noite do Fin do Ano, petando nos bandullos dos cativos para saber se cearan, deixando a carón da súa almofada un agasallo, que adoitaba ser unha presada de castañas.
Por iso, tivemos na Biblioteca Pública Municipal Daniel Castelao un acto reinvindicación do Apalpador o día 3 de Xaneiro.



Dende fai anos a figura do Apalpador reinvindícase dende unha postura alternativa e galega do Nadal.

martes, 3 de enero de 2012

A valorización do noso patimonio arqueolóxico

Dende o 2 de Xaneiro andamos a voltas co programa Depodeza: a posta en valor do patrimonio arqueolóxico, como xeito de aproveitamento turístico e como orgullo e aproveitamento veciñal.


Petroglifos da Peneda do Encanto (Siador)