A parroquia silledense de Breixa celebrará a décimo terceira
edición da Festa da Castaña o vindeiro sábado día 27 de outubro. A cita será a
partir das 21.00 horas e a cea incluirá castañas asadas, cocidas e panceta,
ademais de ofrecer servizo de polbeiro. No marco desta exaltación gastronómica
tamén haberá un concurso de postres e a comisión organizadora sorteará un
xamón. A velada estará amenizada pola agrupación de músicos A Lira de Prado. As
entradas para asistir á cea poden mercarse en A Nosa Taberna (Breixa); Bar
Sanse (O Castro); A Taberna de Pena (Negreiros); A Taberna de Martixe ; A
Taberna de Saídres; Bodegón Esher e A Nosa Taberna (Silleda) e no Bar Reyna (A
Bandeira).
Así mesmo o programa incorpora este ano dúas novidades. Así,
ademais dunha exposición colectiva de artes plásticas o venres 26 ás 21.00
horas, no Centro Cultural “O Cruceiro” de Breixa terá lugar unha xornada
divulgativa da marca de calidade da Indicación Xeográfica Protexida (IXP)
Castaña de Galicia.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Matías Rodríguez da Torre,
sinala que esta xornada está aberta a todos os veciños e veciñas do municipio
de Silleda, e nela explicaranse as posibilidades económicas do cultivo da
castaña. “A idea é complementar as festas gastronómicas típicas de Trasdeza con
outros elementos de carácter cultural, de ahí a exposición, ou de promoción
turística e económica, como a charla que terá lugar o venres e que se presenta
moi interesante, xa que se darán a coñecer as potencialidades deste recurso
milenario galego para o noso país, tal e como xa acontece en Francia ou
Portugal”, engade o concelleiro.
Na xornada divulgativa, ademais de cuestións como a producción
(variedades existentes, temas relacionados co cultivo, enfermidades e pragas,
parque de maquinaria…) tamén se abordarán outras como a comercialización
(castaña para fresco e para industria), axudas ou exemplos de xestión
empregados noutros países.
No hay comentarios:
Publicar un comentario