Etiquetas

martes, 19 de junio de 2012

A Romería do Rapaz recupera a súa esencia inicial co protagonismo dos nenos e nenas e obradoiros más activos e didácticos


A Romería do Rapaz voltará o vindeiro domingo día 24 a Siador co obxectivo de recuperar a súa esencia inicial. Así o afirmou hoxe o concelleiro de Cultura, Matías Rodríguez da Torre durante a presentación da 24 edición da festa, todo un referente para moitas xeracións de silledenses. O programa contará así con máis obradoiros simultáneos que nos últimos anos, “buscando actividades menos pasivas para os nenos, auténticos protagonistas, e tamén cunha visión máis educativa”, matizou o concelleiro que debullou o amplo programa de actividades que se celebrarán ao longo de toda a xornada.
Ademais dun obradoiro de títeres, con membros da compañía Viravolta, haberá outro de xoguetes con materia de refugallo, outro de artes plásticas (con Jorge Conde e Fernando Rodríguez), e tamén como novidade un onde os membros da Asociación de Veciños A Costa ensinará a facer as afamadas rosquillas de Abades. Tamén se estrea outro titulado Divertímonos co Bosque, do colectivo de Educación Ambiental e non faltarán outros clásicos coma o obradoiro de maquillaxe, de chapas, cestería e sombreiros de palla (con Manuel Liñares e Carmen Recimil), de cousas da-da con Adriana Rey, ou o de coiro, con José Villar. Neles participarán tamén alumnos do curso de monitor de tempo libre celebrado recentemente en Silleda.
Matías Rodríguez destacou tamén a colaboración da Anpa Brincadeira de Bandeira e Pícaros do CEIP de Silleda, ou do IES Pintor Colmeiro, que realizarán un Lip dub, buscando implicar á comunidade educativa. Así estará tamén presente a Escola de Música Municipal, cunha Entrada Real prevista para as 19.00 horas. No recinto de Siador tampouco faltarán espectáculos de títeres, un obradoiro de circo con Ghazafellos, os gaiteiros da Pereiriña, a actuación de Kote Malabar, a casa dos xogos, con Cedric Bouchard, unha ludoteca itinerante, e por suposto xogos hinchables, multiaventura, deporte, coa exhibición da escola municipal de kung fu, ou os tiralatas e campionato de pano en familia.
O tradicional desfile no que parcipan a comunidade do CEIP de Silleda e nenos e nenas do Cascarón adicarase este ano a pesonaxes de conto.
O espectáculo fin de festa, ás 20.30 horas, correrá a cargo de Pablo Díaz, con Tic-Tac, unha montaxe musical.
Semana de preparación e promoción na comarca
Matías Rodríguez estivo acompañado por dous dos coordinadores que levan tempo traballando no programa, Chus Caramés (de Xandobela) e Anxo García Basterra, e Viravolta, que xa ao longo desta semana traballan cun grupo de nenos e nenas na preparación do recinto e na confección dun cabeduzo (o paiado da Romaría).
Chus Caramés explicou que se busca que os nenos sexan os propios organizadores traballando a educación en valores como a reciclaxe ou o coidado do medio. Pola súa banda, Anxo García destacou a implicación “de todo Silleda” nesta celebración que calificou de a “envexa dos que traballamos para o público infantil”.
Así mesmo, e dado que a romaría, plenamente consolidada, traspasou xa as fronteiras de Silleda, a celebración promocionarase estes días nos colexios de municipios limítrofes (Merza, Piloño, Vilatuxe, Prado, Oca, O Foxo, Forcarei…). Datorre agradeceu tamén a participación de empresas colaboradoras e da comunidade dos Pais Saletinos de Siador. 

Chus Caramés, Anxo García e Matías R. da Torre cunha chea de nenos durante a presentación na Saleta

No hay comentarios:

Publicar un comentario