O
vindeiro martes día 18, dentro da programación de Nadal, terá lugar en Silleda
a presentación do libro “Como falar e escribir en galeg con corrección e
fluidez”, de Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.
A cita será ás 21.00 horas na biblioteca municipal Daniel Castelao, e ademais
do autor da obra, participarán o concelleiro de Cultura, Matías R. da Torre e
o coordenador de Queremos Galego Deza,
Afonso Leal.
Editada
por Xerais, nesta obra práctica Callón, de xeito desenfadado e mediante
anécdotas, ofréce consellos para darmos o paso de usar o galego e para
mellorarmos a nosa calidade lingüística, desbloqueando os prexuízos e medos
aprendidos e asumindo que os problemas con que nos encontramos moitas veces non
son de orixe gramatical, senón social. Este libro é útil para un público
diverso, interesado na lingua nosa, desde persoas que queren comezar a falala
ata estudantes de calquera nivel ou persoas que desexan mellorala.
Carlos Callón (Ribeira, 1978) é presidente da Mesa pola
Normalización Lingüística (a maior asociación cultural de Galiza) e da
Fundación Via Galego, así como portavoz nacional da plataforma unitaria
Queremos Galego. Tamén presidiu o Comité de Estado da Axencia Europea de
Linguas Minorizadas. Profesor de Lingua e literatura galegas en secundaria e
investigador sobre sociolingüística e literatura, materias sobre as cales é un
prolífico conferencista. Foi tamén concelleiro na súa vila natal e membro do
Consello Asesor de RTVE-G. Publicou os ensaios Unha historia que nos pertence.
A obra poética en galego de Lorenzo Varela (2005), En castellano no hay
problema (Xerais, 2010), Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (Xerais,
2011) Premio Redelibros de Ensaio, Amigos e sodomitas (2011) Premio Vicente Risco
de Ciencias Sociais e Premio Fervenzas Literarias de Ensaio e Como escribir en
galego con corrección e fluidez (Xerais, 2012). Obtivo tamén varios galardóns
pola súa obra de creación, entre os cales salienta o Premio Internacional de
Teatro Breve Lauro Olmo (1996). Ademais de colaborar con asiduidade en varios
medios de comunicación, mantén o blogue www.carloscallon.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario