Mañá, día 23 de marzo, finalizará o curso de Arte Románica
de Trasdeza que se imparte na parroquia de Breixa, e está organizado pola
Concellaría de Cultura e Turismo, que dirixe Matías R. da Torre, e pola
Asociación Cultural “O Cruceiro de Breixa”.
Neste obradoiro de arte, participaron un total de 15 alumnos,
tanto da devandita parroquia, como de Carboeiro, Ansemil e O Castro. As clases
correron a cargo do artesán trasdezao Antonio González (Toño Paulino),
repartidas en tres horas e media, un día á semana durante os catro meses que
durou. Neste período, os alumnos realizaron en cerámica varias pezas do románico,
como as reproducións das igrexas de Breixa e Ansemil ou o Mosteiro de Carboeiro.
Como se anunciara inicialmente a idea deste obradoiro tamén
tiña unha finalidade turística, pois son os propios veciños e veciñas os que,
tendo coñecemento do rico patrimonio das súas parroquias, poden ser os mellores
axentes turísticos da zona, alén de seren sabedores tamén da súa propia historia
local. Por isto, está previsto que nun futuro esta actividade formativa se
realice noutras parroquias do Concello de Silleda nas que tamén exista
representación de arte románica, como poden ser Taboada, Fiestras, Escuadro,
Dornelas e Abades.
Mañá, a partir das 20.30 horas, será a clausura deste
obradoiro no Centro Cultural de Breixa, e
expoñeranse as pezas realizadas polos alumnos, varias das cales pasarán a ser
propiedade do devandito centro. A este acto están convidados tanto os
asistentes, coma os demais veciños, e tamén Vitoriano Noguer, profesor e
historiador, quen xa participou na apertura deste curso, no pasado mes de
novembro, cunha conferencia sobre a arte románica da Igrexa de Santiago de
Breixa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario