Etiquetas

jueves, 1 de marzo de 2012

Os concellos con tradición na celebración do Entroido dos Xenerais da Ulla tramitan a declaración de festa de interese turístico


Os concellos de Boqueixón, A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces levarán esta proposta a pleno no mes de marzo. O entroido da Ulla acadou o ano pasado unha cifra de visitantes próxima ás 40.000 persoas nos oito concellos nos que se celebra


Rematadas as celebracións do entroido e cando os ecos da festa se apagan a maquinaria administrativa mantén o pulso e durante este mes de marzo os oito concellos nos que se celebra o Entroido dos Xenerais da Ulla inician a tramitación para declararen esta manifestación popular como Festa de interese turístico de Galicia. Esta declaración solicítase ó abeiro do Decreto 39/2001 e do Proxecto de Decreto de Declaración de Festa de interese turístico de Galicia en decembro do 2011.

Os municipios de Boqueixón, A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces levarán nas súas sesións plenarias do mes de marzo unha proposta na que se xustifican as razóns para considerar o entroido da Ulla, como festa de interese turístico de Galicia.

A antigüidade, a singularidade, o arraigamento, o valor cultural, a continuidade no tempo, a accesibilidade, a estética e a afluencia de visitantes son os eixes nos que se basea a memoria que xustifica a solicitude desta declaración, que os Concellos levan de xeito conxunto. O entroido dos Xenerais da Ulla é unha festa que se remonta na súa orixe á metade do século XIX pero que se mantén en vinte e oito lugares ou parroquias dos oito concellos da comarca da Ulla nos que está arraigado.

Segundo os datos dos concellos o ano pasado a afluencia de visitantes a esta manifestación cultural popular estivo próxima ás 40.000 persoas, cifra que se quixo superar neste 2012 grazas ó traballo de colaboración na difusión iniciado polos concellos. O pasado 3 de febreiro representantes de Boqueixón, A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces asinaban un protocolo de colaboración en Santiago polo que recoñecían a singularidade desta festa e se comprometían á promoción conxunta así como ó intercambio de ideas para incrementaren a importancia da celebración. É destacable o interese do Entroido da Ulla como un polo de atracción turística de primeira orde, polo de agora sen explotar dun xeito regulado, xa que se trata dunha tradición cun alto atractivo patrimonial e etonográfico, pero autoxestionada pola cidadanía e que na tradicionalmente interviña escasamente a administración.

Unha das características máis destacadas deste Entroido é ser propio e privativo desta comarca natural da Ulla xa que no se celebra en ningún outro lugar de Galicia nin, que se teña constancia, de España nin de Europa Occidental. A antigüidade e a súa orixe histórica son outros valores importantes. Pénsase que a recreación dos personaxes dos xenerais e correos a cabalo, elementos principais desta celebración, fai referencia ós enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca no século XIX, entre eles a invasión do exército napoleónico, as guerras carlistas ou a revolución de 1846 que rematou coa Batalla de Cacheiras.

Outro elemento central desta festa é que se trata dunha celebración parroquial na que ademais se cohesiona o territorio e a propia comunidade. Nas xornadas de entroido percórrense todos os lugares da parroquia, ata os máis afastados e pequenos, e a festa conta coa colaboración e a participación de todos os habitantes que colaboran de xeito máis ou menos activo.

Mais o valor cultural é sen dúbida un dos principais aspectos desta singular representación. Os xenerais, os correos e as comparsas de vellos e bonitos que os acompañan caracterízanse por unha elaborada posta en escena. Esta escenografía conta co traballo artesanal na elaboración da roupa ou os tocados de correos e xenerais. Segundo se explica na memoria que xustifica a declaración do Entroido dos xenerais como festa de interese turístico de Galicia, o seu valor como ben inmaterial queda avalado pola presenza na páxina web do proxecto Ronsel, realizado pola Univesidade de Vigo en colaboración coa Xunta de Galicia. O valor sociolóxico e histórico tamén queda demostrado na temática recollida nos cantares e nos atranques dos xenerais e correos, que recollen temas que afectan á sociedade. Trátase da posta en valor da creatividade popular, que pervive grazas á tradición oral.

A continuidade no tempo é outro aspecto para destacar. O entroido da Ulla vense celebrando anualmente dende que está documentado, con interrupcións moi puntuais como puido ser a Guerra Civil.

A accesibilidade para participar nesta festa por parte de calquera persoa interesada está tamén relacionada co valor colaborativo e solidario que se respira na organización deste evento. Non só colabora toda a parroquia senón que se artella unha rede de empréstimo entre as diferentes comisións organizadoras nas que se deixan dende traxe ata bestas ou os aparellos dos animais.

Aínda que esta celebración conta cunha organización parroquial como se vén explicando, existe unha aposta clara dos concellos por apoiala. As accións municipais para mellorar ou apoiar a festa van dende a colaboración na difusión ata a realización de traballos de limpeza ou mantemento da seguridade durante as celebracións. Tamén se realizan outras accións específicas como a edición de libros ou unidades didácticas que teñen como protagonista o entroido dos xenerais.

Este ano os Concellos de Boqueixón, A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces van un paso máis alá e buscan o apoio dos plenos respectivos para converteren esta festa tradicional en festa de interese turístico de Galicia, un aspecto que permitirá darlle garantías de apoio institucional e continuidade. Aínda que vendo as celebracións, con participantes cada vez de menor idade, a súa pervivencia popular parece garantida.


Representantes institucionais dos 8 concellos no Pazo de Raxoi o pasado Entroido, o 5º pola esquerda é o concelleiro de cultura de Silleda, Matías Rodríguez da Torre. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario