Etiquetas

domingo, 27 de mayo de 2012

Xa falta so unha semana para os Encontros de Música Tradicional no Mosteiro de Carboeiro!!!

Á Asociación Intercultural Santa Ferreña non lle pon medo o número 13. Este ano, como cada
primeiro sábado de xuño, terán lugar na contorna de Carboeiro os XIII Encontros de Música
Tradicional. Contra a superstición, foliada, tradición e festa “ata que o corpo aghuante”.
O sábado 2 de xuño, nos arredores do mosteiro de Carboeiro (Silleda), a Asociación Cultural Santa Ferreña celebra os XIII Encontros de Música Tradicional. Unha cita clave que xa leva unha longa tradición para artesás, bailadores, músicos, teatreiras, ou calquera que queira gozar dunha festa “coma as de toda a vida”.
A Santa Ferreña non é supersticiosa, e os XIII Encontros prometen: coa súa pandeireta na man e o sorriso imperecedoiro, esta santa pagá escorrenta todas as meigas, dende o comezo da festa, por volta das 13.00, “ata que o corpo aghuante”. A sesión vermú estará amenizada por músicos da bisbarra, e por todos aqueles que queiran botar unhas pezas, xa que esta festa caracterízase porque a fronteira que separa “público” e “artistas” desaparece:
todo o mundo participa, sexa tocando, cantando, bailando, ou pasándoo ben. O que pasa en Carboeiro é posible grazas á colaboración desinteresada de todas aquelas persoas que queren manter vivas a festa e a cultura tradicional.
Será tamén desta hora cando saia en procesión a Santa Ferreña, acompañada polos cabezudos de Viravolta. Segue así un costume da festividade do Corpus en Santiso e Laro, cando as procesións eran acompañadas polos “papamoscas” (xigantes coa mandíbula solta). Antes, terá lugar a poxa das andas: unha tradición pola que os máis devotos e devotas poxarán polo seu posto para carrexar a santa do campo da festa ata o mosteiro. Neste momento tamén quedará aberta ao público a exposición “Na punta do pé”, de calzado tradicional, realizada co asesoramento da casa do zoqueiro de Merza (Alfonso e Helena Ferro, pai e filla pertencentes a unha estirpe de artesáns do calzado) e mais Luís Prego (investigador de patrimonio inmaterial). E logo desta procesión, dará comezo o xantar popular, con empanada, carne ao caldeiro e larpeira de sobremesa, amais de pan, viño ou auga e café “con ghotas”. O prezo, acorde tamén con esa vontade de rirse da superstición (e da crise!), será de 13 euros.
Ao tempo haberá tamén, xa dende primeira hora, unha feira de artesanía (con produtos coma instrumentos tradicionais, coiro, prata, xoias, abelorios, ou cosmética natural). Xa na sobremesa, para baixar o xantar podemos botar unhas bailas, ou gozar dos xogos tradicionais para cativos e non tan cativos, da man de Xandobela e Itaca , de Compostela. Como é costume, poderase escoitar tamén a contada de Celsiño Fernández Sanmartín, “Lingua que baila”. Este conta contos leva anos investigando, recollendo, e sobre todo, compartindo e gozando as historias.
Non han faltar visitas guiadas ao mosteiro, con Tesouros Novos. Ademais, quen teña gana de coñecer máis de preto o mundo do calzado tradicional pode achegarse ás conversas que terán lugar na sala de exposicións, onde as zocas, os zocos e os zapatos de festa estarán ben acompañados polos títeres do Museo da Marioneta-Casa do Títere de Lalín. Poderemos ver na sala unha mostra representativa “de cando os zapatos se gardaban coma ouro en pano”, contan dende a Asociación Cultural Santa Ferreña. “Quen tiña para comprar zapatos, que non era todo o mundo, tiña un único par para usar no día de festa, e había que coidalo moito, que non lle pasase nada”. Mesmo había quen pintaba os zocos, cun tizón e con graxa, para que parecesen zapatos, e en todas as casas remendábanse
ata máis non poder.
Ao que se vaia facendo noite, seguirán soando gaitas e ferreñas, os pés (con calzado ou sen el) seguirán bailando e as voces seguirán cantando... Ata a xa tradicional “procesión de pola mañá”, á que só chegan uns poucos valentes que volven honrar a Santa Ferreña cando raia o novo día. Sen medo ningún do 13, a Santa Ferreña proclama un ano máis “Viva a xuventude! (e a xente vella, que non morra)”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario